1.O pasado 30 de xullo, unha asemblea multitudinaria no Mar de Vigo, lexitimada por máis de dez mil asinantes e un cento de mareas de base, constituíu un novo tempo para o pobo traballador galego, un tempo coma o actual no que toda resposta pola liberación nacional e de clase adopta necesariamente en Galiza o modelo elaborado da unidade popular antimperialista e anticapitalista e na que nosa tarefa diaria debe ser a de consolidar con fidelidade as posicións do proxecto común sen minguar a súa coesión e achegando o debate ideolóxico fundamental e preciso. A tradición da esquerda republicana con horizonte independentista formamos en Galiza un espazo emancipador e de clase que entendeu sempre a necesidade desta unidade como vieiro para conquerir tanto melloras básicas e importantes nas condicións de vida das clases traballadoras galegas coma avances firmes na autoorganización colectiva, popular e na autodeterminación nacional cara unha soberanía ancorada no antiimperialismo, a solidariedade e o anticolonialismo. En marea, para decidir absolutamente todo: O primeiro chanzo. O máis importante.
2. Mantémonos tan lonxe dun oportunismo reformista que nos aboque ao espontaneísmo e á inmediatez tacticista, coma do infantilismo esquerdista que renuncia a facer política real entre as multitudes explotadas mudándoa por un radicalismo estético conformista e autocontemplativo. Porén as nosas metas estratéxicas irrenunciábeis que avanzan por unha República Galega independente e das traballadoras revélanse aínda nun horizonte a longo prazo e a súa futura conquista terá que ser ineludibelmente a consecuencia da superación dunha concatenación de etapas históricas nas que o nivel de consciencia popular camiñe da man coa constitución día a día da República do común e solidaria que queremos que sexa Galiza. Nesta tarefa cómpre a construción dun verdadeiro autogoberno e dunha axeitada vertebración nacional alicerzada nas parroquias, barrios e comarcas nun sendeiro firme, necesario e ilusionante guidado polos valores republicanos e dialécticos, traballando politicamente dende a base para que o pobo galego, como suxeito político, nos autoorganizacemos no exercicio pleno da nosa soberanía construíndo e constituíndo de facto os alicerces dun futuro estado soberano galego.
3. As expresións nacionais da unidade popular en Galiza teñen xermes da raigame municipalista e de base. Houbo AGE despois do exemplo orixinal de ACE e hai En Marea a partires da experiencia novidosa da Marea Atlántica, dun cento de candidaturas de unidade popular formadas nos concellos de toda a Nación e do debate madurado polas vagas das Mareas en Común polas comarcas do País. Todo o poder para as mareas, radicalidade democrática, asemblearismo e organización territorial de base son os eixos básicos de toda actividade e acción política. Empoderamento de clase, garantía dun modelo económico xusto, defensa dos intereses populares son os alicerces da construción do poder popular. Oposición a todo dirixismo por arriba e partidista, tanto nas dinámicas internas como nas relacións cos movementos sociais organizados, mantendo a autonomía e independencia política de cada organización, de cada asemblea, de cada marea. Eis a idea de unidade popular que fomos fragoando durante décadas nas rúas, nas folgas, nas manifestacións, nas reunións.
4. Cando fallou o Estado, xurdíu a Nación. Berramos nunca máis. Organizamos centrais de clase nacionais, organizacións estudantís galegas, feminismo de clase, plataformas ecoloxistas e tamén, por suposto, un concepto novo e galego de nos autoorganizar política e socialmente que en toda Europa e no mundo xa se coñece como As Mareas. Unha alternativa nacional e de esquerda sobre as bases de xustiza social e da democracia. Marea, marexada, maruxía, un concepto ligado ao laicismo total, nas rúas, na escola, no traballo, nos medios, no lecer,… á defensa do medio ambiente e da protección dos animais, ao ecoloxismo alicerzado na protección activa de todos os nosos recursos e do noso medio natural, á defensa dunha economía produtiva baseada no desenvolvemento sustentábel, á feminización da política, ao antipatriarcado ligado á loita pola supresión das desigualdades xenéricas home-muller superando o modelo de organización social atado á heteronormatividade, loitando contra todo tipo de discriminación.
5.
Emerxeu unha concepción de unidade popular radical tamén na defensa da fala, cultura e patrimonio nacionais, do monolingüísmo social do galego, dunha política lingüística e cultural normalizadora que restableza a transmisión lingüística dunhas xeracións a outras no horizonte dunha sociedade que se desenvolva libremente no seu idioma nacional. Intransixente na defensa do común, da sanidade e do ensino públicos, entendidos como servizos de calidade e universais, entendendo o sector público como servizo e en contraposición a un sector privado orixe de toda corrupción política e de apartheid social, recuperando polo tanto os dereitos sociais e laborais roubados e pivotando toda acción política na defensa do ben público fronte aos intereses privados, a través da posta dos recursos nacionais ao servizo da maioría social, isto é das clases traballadoras. O proxecto político de En Marea ten, para álen, unhas condicións obxetivas inmellorábeis para a súa construción. As mareas están limpas, son dun pobo honrado que traballa e sobrevive como pode. As mareas son libres, non teñen dependencias. Non deben cartos nin favores a ninguén, e moito menos a ninguén de fóra. A autofinanciación e a independencia económica tamén son autoorganización, señoras e señores.
6. Somos internacionalistas. Somos da Irmandade de Tagen Ata de Rotbaf por moito que os novos Ulm pretendan agochar a súa pulsión “culturalista, idealista e racista” travestíndose do que sempre odiaron e combateron con rabia: comunismo, republicanismo e independentismo. Somos de Rosalía e Lenin, de Castelao e Kollontai, en consecuencia, da esquerda anticapitalista galega fixemos unha lectura arriscada pero atinada da conxuntura histórica actual na que entendemos que o mínimo desenvolvemento da loita de clases sumado a unha importante implantación dos posicionamentos reaccionarios entre as clases traballadoras obrigan a toda alternativa revolucionaria a encetar análises concretas e a practicar un accionar entre a sociedade que sexa o máis axeitado posíbel a esa realidade que se aspira a mudar. Por iso, as independentistas galegas de clase temos que nos arredar do risco que supón adoptar calquera tendencia, calquera aventura, calquera experimento de radicalismo infantilista que nos soterre na marxinalización de grupúsculos e nos condee a ser unha alternativa política meramente testemuñal. Fundamentalmente, o que España quere para o independentiso galego.
7. Sabendo que Poder e Goberno non son o mesmo, sintetiza moi ben no seu blogue cranioprivilexiado o meu amigo e camarada Alberto Lema: “Reducido ás súas cláusulas máis elementais, o comunismo podería resumirse en dúas: a toma do poder e a abolición da propiedade privada”. Por todo isto o comunismo independentista fai parte de sempre das unidades populares de Galiza. Por todo isto novas e veteranas independentistas galegas, dende as de Galicia Ceibe até as de Xeira, traballamos arreo nas mareas: Os nosos soviets, os nosos consellos. Por todo isto a esquerda arredista apoia dende o primeiro día En Marea. Para que un goberno galego ao servizo do pobo limpe o esterco, o xurro, no Parlamentiño, para que un goberno galego ao servizo do pobo abra as portas e as fiestras da Xunta colonial e garanta transparencia, fiscalización de contas públicas, auditoría dos gobernos anteriores e elimine totalmente as redes clientelares, mafiosas e corruptas. Queremos tomar o Pazo, para facelo noso. Para derrubalo e erguelo por nós mesmas, para nós mesmas. Para que remate esta vergoña, imos En Marea cara a independencia. Hai e haberá Marea.
Setembro de 2016