O Zapatero “Pancartero” morreu o 14 de marzo de 2004 unha vez que se coñeceu que tiña gañado as eleccións xerais. Aos seus ministros e ministras máis descoñecidas/os fóiselles caendo a carauta cos seus propios feitos. A maioría delas/es (Solbes, Jáuregui, Rubalcaba…) xa eran tristemente coñecidos. En Ferraz, Maquiavel creou escola e Goebbels sentou cátedra desde hai moitos anos.
Mais é con feitos como o xenocidio que o Reino de Marrocos está a levar a cabo contra a poboación civil do Sáhara Occidental cando sae á luz a verdadeira miseria ética dos representantes políticos da burguesía oligárquica española. Escoitar a Trinidad Jiménez falar de “violencia por ambas partes”, cando uns atacan con ametralladoras e os outros se defenden con pedras, ou escoitar a Pérez Rubalcaba “agardar por información contrastada” (sic), dan boa mostra da catadura moral dos ministros do PsoE.
O repentino cambio de discurso nesta semana dos “independentes” medios de comunicación empresariais do réxime español amosa ás claras un máis que probábel “toque de atención” desde arriba. Dun día para outro, para as grandes empresas da “información” do EIE, os saharauis pasaron de ser uns “pobres” represaliados a ser aliados e cativos da “estratexia de Al Qaeda” no Magreb, e o sátrapa Mohamed VI, un grande demócrata que frea aos fundamentalistas. Máis miseria moral, miseria comunicativa.
Desde o mesmo día do cobarde asasinato do cativo Nayet, centos de saharauís indefensos e de todas as idades están a ser torturadas/os, encadeadas/os, violadas/os, maltratadas/os, e algúns incluso, impune e vilmente asasinadas/os. Se Marrocos é culpábel, España é cómplice e a ONU olla para outro lado. Máis unha vez, a solidariedade interimperialista ponse por riba dos dereitos do home e a muller, por riba do dereito á vida e por riba do dereito á dignidade e á autodeterminación dos pobos.
Tras abandoar o Sáhara á súa sorte, o Estado Imperialista Español (EIE) leva anos eludindo á súa responsabilidade histórica e ignorando a política de apartheid e de exterminio na súa ex-colonia. Mais é o control dos caladoiros pesqueiros da área, o interese xeo-estratéxico militar da OTAN e, sobre todo, a recente aparición de petróleo e doutros combustíbeis de tipo fósil en territorio nacional saharauí o que está detrás da actitude de Marrocos, EEUU, España, Franza e o resto da UE.
A lúa de mel entre as oligarquías do EIE e do Reino de Marrocos non se disimulou nada cando nos últimos meses se propagou por parte dos medios de comunicación españois un anuncio publicitario que anima aos empresarios “emprendedores” a invertir no emerxente mercado capitalista de Marrocos. A lúa de mel do Ministerio de Asuntos Exteriores español co fascista reino alaoui dista moito, para alén, da actitude prepotente que mantén decote cun Estado socialista e democrático-popular como Cuba.
É sobre todo nestes intres cando as/os comunistas de Galiza e o pobo traballador galego temos que respostar amosando a nosa solidariedade, a solidariedade internacionalista. A solidariedade de clase entre os oprimidos do mundo. Debemos, porén, denunciar aos catro ventos os crimes do Reino de Marrocos contra a poboación do Sáhara e a complicidade imperialista do Reino de España. É o noso deber como internacionalistas, como obreiras/as e como defensores do antiimperialismo.
Marrocos fóra do Sáhara!
Independencia xa!