Inicio » Liberación nacional, Països Catalans »

10646676_811637032233467_4197970416519554562_n

Desde a FPG queremos manifestar todo o noso apoio ao pobo catalán e ao seu proceso de autodeterminación. Todas as forzas políticas e sociais consideradas democráticas debemos esixirlle ao Estado e ao goberno español que respecten a consulta democrática convocada para o 9 de novembro en Cataluña. Non valen escusas nin mirar para outro lado, non é tempo de titubeos nin declaracións a medias, é a hora de posicionarse do lado do Pobo, dun pobo que quere decidir por si mesmo, do pobo catalán, que como o galego, é un pobo encadeado a un Estado imperialista, opresor, negador da realidade plurinacional, plurilingüe e pluricultural, un Estado burgués e profundamente nacionalista que nunca puido nin quixo desprenderse do obxectivo para o que foi criado, garantir a hexemonía e intereses nacionais e de clase da oligarquía española. Este carácter antidemocrático do Estado español xunto coa existencia dun sentimento nacional catalán, é un dos principais factores que axuda a comprender o sentimento soberanista e independentista que agromou no Pobo catalán, que como o galego aspira a vivir libre, en igualdade e fraternidade cos demais pobos do mundo.

Desde Galiza toda a nosa solidariedade, toda a forza e apoio ao seu dereito de autodeterminación e á súa soberanía. Pola independencia nacional e a emancipación da súa clase traballadora.