Inicio » Nacional, Lingua Nacional » A loita polo noso idioma debe continuar

A loita polo noso idioma debe continuar

Mediante a súa sucursal galega, o tripartito que goberna España (Capital, Monarquía e Vaticano) vén de apertar outra volta o garrote vil contra a lingua. O plan de exterminio deu un paso máis suprimindo axudas á edición e á normalización. A medida supón aínda un salto cualitativo na presidencia de Núñez Feijoo: fica expresa, por un lado, a vontade de aniquilar todo signo de vida editorial; polo outro, o fogo cruzado do españolismo apunta agora aos concellos, a instancia normalizadora máis próxima.

De novo os propios mandatarios desprezan a súa “legalidade” (Constitución e Estatuto); negando ás corporacións os recursos públicos baleiran de facto a autonomía municipal e impiden aos concellos, unha das escasas institucións que non controlan directamente, levar a cabo as políticas de recuperación da lingua esixidas polo ordenamento estatal e o da Unión Europea. Mais por encima dos simulacros de legalidade vai o dereito de cada un dos galegos e das galegas a vivir no seu idioma, o idioma nacional de Galiza. A FPG estará presente de xeito inequívoco e dispoñerá os medios oportunos alí onde tal dereito sexa posto en cuestión.

Perante a vaga de intolerábeis agresións contra a lingua, a Frente Popular Galega apela ás forzas políticas, sindicais e sociais que conserven os mínimos do compromiso co seu país para denunciarmos en todos os foros a estratexia de xenocidio cultural asinada pola Xunta. Ademais de continuar esa tarefa nas parroquias, concellos, vilas e cidades, se durante o franquismo Galiza foi quen de levar ante a UNESCO a persecución do idioma este momento é abondo grave como para nos dirixir de novo aos organismos internacionais. É o momento da responsabilidade e da acción.

En Compostela, a 18 de setembro de 2011

Etiquetas: