Inicio » Nacional, Liberación nacional, Movemento obreiro » O futuro do socialismo en Galiza e no mundo

O futuro do socialismo en Galiza e no mundo

A partir de mañá mércores terán lugar na cidade de Vigo as primeiras xornadas comunistas organizadas pola nosa formación xunto ao colectivo de mocidade ADIANTE.

Para esta primeira edición, a temática de fondo das palestras será o futuro do socialismo, tanto a niven nacional como global.

O mércores 9 de maio ás 18:30 abrirá as xornadas a secretaria de organización de ADIANTE, Laura Sousa, aportando a visión da mocidade a respecto da construción do socialismo. Virá seguida da intervención de Bruno Carvalho, xornalista portugués e militante do PCP, que nos achegará unha análise do estado en que se atopa a esquerda social e política no país veciño. Fayez Badawi, membro da Fronte Popular para a Liberación de Palestina, pechará este primeiro encontro. Cunha charla titulada “As revoltas do mundo árabe desde a perspectiva marxista-leninista” abordaremos tanto os movementos políticos en Túnez, Exipto ou Siria como a actualidade do conflito na faixa de Gaza.

O xoves 10 de maio de novo ás 18:30, tres novas poñentes introducirán o debate. Por unha banda, contaremos coa presenza de Paco Sampedro, filósofo e autor de numerosos ensaios propios, ademais de traducións ao galego de Sartre, Badiou ou Žižek. Presentará unha palestra titulada “Comunismo no século XXI”.  A profesora Lola Ferreiro traeranos a mirada feminista dos procesos revolucionarios e a súa incorporación á loita de clases. Finalmente, Xurxo Martínez González, que vén de publicar “Luís Soto, a xeira pola unidade galega”, fará un breve repaso histórico do movemento comunista e arredista no noso pobo.

O venres 11 de maio, tamén ás 18:30, terá lugar unha mesa redonda coa presenza da práctica totalidade dos partidos que se definen comunistas e actúan no noso país. Xunto a nós, estarán compañeiras e compañeiros de Esquerda Anticapitalista, Movemento Galego ao Socialismo, Partido Comunista de Galicia, Partido Comunista dos Pobos de España, Partido Comunista do Povo Galego e Unión do Povo Galego.

Todos os debates desenvolveranse na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa 2).