Inicio » Formación, Ramón López Suevos » Encol do colonialismo

Encol do colonialismo

Por razóns tanto históricas como científicas non se conta aínda hoxe no eido do marxismo cunha axeitada conceptualización do feito nacional. Ao mesmo tempo, determinados conceptos véñense manexando cunha notoria imprecisión, recurríndose máis da conta á repetición mimética e indiscriminada dos tópicos máis ao uso na fraseoloxía marxista, cousa que agacha no fondo unha incomprensión do método dialéctico. Todo isto contribue a que moitos análises efectuados dende a óptica do marxismo concluian rexeitando calquera potencial revolucionario ao nacionalismo. De todos os xeitos, eiquí cinguirémonos ao tratamento da cuestión polo marxismo porque, pese a todo, ningunha outra metodoloxía ten acreditado un enfoque correcto do problema nin semella que poida facelo no futuro, dadas as súas limitacións de partida. Pra os que non concorden con ista afirmación, coidamos que esiste un exemplo único que demostra o que pode dar de si unha interpretación liberal do nacionalismo: trátase da interpretación que fai dos “particularismos” hispánicos do José Ortega y Gasset na súa obra España Invertebrada (e tamén noutros escritos). Ortega é, cecais, o intelectual español do presente século máis celebrado alén dos Pirineos e, nembargantes, ista obra non resiste a menor crítica científica.

Pra unha asisada comprensión do feito nacional, compre desbotar de entrada a crencia, moi espallada, de que a loita nacional é integramente reducible á loita de clases, de que a loita nacional é un epifenómeno da loita de clases. Pola contra, inda que a loita nacional espresa unha loita de clases –e posee, xa que logo, un contido específico de clase– o problema non se esgota aí, como ten posto de manifesto o Rodinson. Unha versión estrema dista valoración dos conflictos nacionais consiste na reducción do “nacionalismo” a unha mera ideoloxía sen maior base material. Pero, mesmo a iste prantexamento límite, cabería ouxetar: 1º que as ideoloxías teñen esistencia real sendo, por conseguinte, unha forza material máis; 2º que, por definición, a devandita ideoloxía choca sempre ca superestructura ideolóxica da clase capitalista hexemónica a nivel estatal, particularmente cando o capitalismo toma forma feixistas, sempre vencelladas a un chovinismo exacerbado e, xa que logo, incompatible cunha ideoloxía nacionalista subestatal; 3º que, cando esiste unha opresión nacional, a toma de conciencia nacional pode abrir un vieiro ao desenrolo da conciencia clasista, como ten exemplificado Fanon ao se referir ao papel do desalleamento colonial.

O que se debate con todo isto é a propia categoría nación. Bauer coidaba que a nación é un fenómeno cultural e preconizou unha autonomía cultural prás nacións oprimidas do imperio austro-húngaro. Lenin foi máis lonxe (hastra onde permitía o seu contesto histórico) ao considerar o problema nacional como un problema político, reivindicando en consecuencia o direito á autodeterminación das nacións oprimidas. Pero, anque se decatou de que a autodeterminación tiña un contido económico, non tirou conclusións verbo da importancia que pode ter a dominación económica en determinadas modalidades de opresión nacional. Cando se entrelazan a opresión política, o asoballamento cultural, e a esplotación económica, formando unha estructura de tipo colonial, impónse un reprantexamento da problemática do nacionalismo quer na súa vertente socioeconómica quer na valoración de determinados fenómenos que caen fora do eido económico.

Por iso, é vital distinguir a opresión nacional do colonialismo: o colonialismo é unha forma de opresión nacional, pero a recíproca non é necesariamente certa. O colonialismo non é simplesmentes unha discriminación político-cultural (e non sería pouco), xa que incorpora ademáis un compoñente de asoballamento económico –especialmente sentido polas clases traballadoras– que resulta fundamental prá correcta comprensión das tensións que xenera. Os que se decatan do contido económico do colonialismo saben que os colonizados si teñen Patria; saben que niste caso compre opoñer ao principio “un Estado, un Partido”, o principio “unha Nación, un Partido”; saben, tamén, que a loita anticolonial non é soio a loita contra dunha “discriminación” máis, antre as moitas que compre imputar á sociedade burguesa, sinon unha loita que, se cadra, desembocará na independencia nacional como único xeito de proceder á reconstrucción económica e moral da nación colonizada sobre novos liñamentos institucionais.

Pódese recoñecer que esiste unha esplotación económica e, asomade, unha opresión nacional nun país concreto tentando, nembargantes, o análise arredado dos dous feitos. Pero, ao independizar a esplotación económica do asoballamento nacional iñórase o fenómeno colonial, co que se remata nunha subestimación do potencial revolucionario do nacionalismo. Agora ben, o capitalismo non esiste en abstracto nin a realidade é unha suma de compartimentos estancos. A realidade de calquera fenómeno é unha totalidade estructurada, de maneira que os seus diversos compoñentes, mutuamente interrelacionados, soio son esplicables en tanto que partes dise todo en movemento. O asoballamento nacional superposto ao subdesenrolo económico é xa algo cualitativamente distinto: é o colonialismo. E como en todo colonialismo, a opresión nacional afortala a dependencia económica e o subdesenrolo económico atopa a súa correspondencia na superestructura política e nas institucións culturais dominantes.

En Galicia, por exemplo, faise a miudo unha caracterización estructural do país, arredando a esfera económica do problema nacional e referindo iste último ao eido cultural e lingüístico. Galicia e Andalucía (ou Extremadura…), dise, son zonas economicamente subdesenroladas, pero, naturalmente, Galicia ten ademáis un problema cultural. Agora ben, si Galicia é Andalucía máis un problema cultural, o segundo sumando sobraría ou carecería de relevancia, por pura lóxica: si dous universos sociais concordan en todo, agás dun feito, deberían concordar tamén nise punto ¿ou é que cae do ceo?; e si diverxen nun aspecto (cultural e lingüistico), non concordarán tampouco noutros terreos. Si a estructura económica, social e política de Galicia fose homologable ca de Andalucía non se entendería por qué esiste en Galicia un problema nacional-cultural. De feito, o imperialismo lingüístico ten o seu orixe nunha dominación política esterna –xa que ningún pobo ceibe inferioriza ou deixa de falar a sua lingua– e, á longa, imperialismo político e esplotación económica son indisociables. Por iso, nin a estructura social de Galicia –carente dunha clase burguesa autóctona, agraria ou industrial– nin o artellamento político que a espresa (en contra do que podería facer pensar un análise superficial) nin as estructuras mentais que destila o colonialismo, fan a Galicia equiparable a Andalucía: xeografía, hábitat, predominio da pequena propiedade agraria, caciquismo, usos, costumes, lingua e cultura (a cultura dominante non é só de clase sinón tamén allea) etc., todo é diferente, formal e materialmente. Pódese decir que tanto Galicia como Andalucía son zonas subdesenroladas ?término, por certo, ambiguo e impreciso? mais nin a xénese do subdesenrolo, nin a súa mecánica, nin o xeito de dar cabo a isa situación, son en absoluto comparables. A emigración galega, que arranca do século XVIII, ten unhas causas e unhas consecuencias ben diferentes das involucradas na “crise de agricultura tradicional” andaluza; eiquí non hai latifundiarios, integrados no bloque de clases dominantes e no aparato estatal; pola contra, a desfeita da agricultura galega ten moito que ver ca política económica seguida tradicionalmente polo Estado español. O problema andaluz é un problema social, e como tal debe ser atacado; a liberación das clases populares andaluzas pasa, entre outras cousas, por unha Reforma Agraria progresista. O problema galego é un problema de asoballamento nacional, económico, social e cultural á vez, e a súa resolución pasa pola descolonización do país.

Se cadra, ista mentalidade reacia a postular a categoría colonia pra encasillar os fenómenos que estamos a esaminar procede das peculiares connotacións que leva aparelladas a verba colonia; o colonialismo asóciase cun nivel de vida insoportable do pobo colonizado e cun agudo contraste cultural antre os pobos que se xunguen na relación colonial.

Para respostar á primeira ouxeción, abonda con distinguir dous tipos de colonia: por unha banda, as colonias centrais, localizadas no espacio xeográfico onde se ubican tamén as potencias imperialistas; por outra banda, as colonias situadas na periferia xeográfica e económica do capitalismo mundial.

As colonias internas ao capitalismo central disfroitan, como norma xeneral, dun nivel de vida meirande co das colonias periféricas pero o seu nivel relativo ao proceder á comparanza dunhas e doutras coas súas respectivas áreas económicas, é similar; escepto no caso en que esiste unha forte corrente emigratoria da colonia cara os centros metropolitáns, que actúa dun xeito compensatorio mascarando o auténtico problema de fondo: a imposibilidade, por parte do pobo colonizado, de conquerir melloras sustanciais do seu nivel de vida sen recurrir ao espediente da emigración. Ista sinxela tipoloxía do colonialismo sirve tamén pra poñer de releve a importancia política que acadan os movementos de descolonización no centro do capitalismo mundial, porque non se pode dubidar do carácter ouxetivamente progresista das loitas nacionalistas que se desenvolven no corazón mesmo do imperialismo.

Por “metrópoli” entendemos un sistema de poder que, como a propia categoría “colonia”, comprende tres aspectos claramente diferenciados e interdependentes: o económico-social, o político-administrativo e o cultural. Niste sistema de poder, determinadas áreas poden funcionar como colonizadas, outras como desenvolvidas, etc., mesmo no suposto de que esista unha continuidade xeográfica antre unhas e outras, caso en que a colonia é “interior” ao Estado. Configúrase así o colonialismo a partir da estructura mesma do Estado Imperialista. Xa que logo, nun análise concreto, enténdase que identificar a “metrópoli” é identificar unha estructura de poder e non un mero espacio xeográfico ou un marco político-administrativo.

A segunda ouxeción introduce importantes problemas de orde táctico na loita anticolonial, mesmamente porque opaca o carácter adscriptivo que conleva todo colonialismo (por canto aos factores económicos que dificultan a movilidade social do individuo colonizado vense engadir, niste caso, unha sobredeterminación de índole étnico). A prosimidade cultural dificulta a toma de conciencia do colonizado en tanto que tal, en tanto que membro dunha nación asoballada e, en determinadas circunstancias, pode incluso provocar un adiantamento da conciencia clasista sobre a conciencia nacional (posibilidade que, con razón, tanto preocupaba ao Fanon, antre outras razóns porque unha conciencia de clase abstracta non é tal). Pero iste é un problema a certos efectos tan importante que non o imos tratar agora superficialmente. Niste intre, compre facer fincapé en que a gravedade que reviste unha opresión étnico-cultural non se mide pola maior ou menor diferencia esistente antre a cultura asoballante e a cultura asoballada. Calquera que sexa o contraste antre ámbolas duas culturas o veredicto é sempre o mesmo: a consumación de toda opresión cultural é un etnocidio.

A subvaloración do nacionalismo pousa tamén nunha concepción errada tocantes a capacidade política das camadas sociais non proletarias. De feito, a subestimación do nacionalismo coincide cáseque sempre cunha gran desconfianza verbo da capacidade do campesiñado pra asumir un rol progresivo na loita anticolonial. Lenin, con moita agudeza, sinalou no seu momento que ista era unha das chatas observables no prantexamento da cuestión nacional pola Rosa Luxemburg. Disgraciadamente, o “luxemburguismo” é tamén un fenómeno do noso tempo.

Nos países dependentes, o antagonismo fundamental toma a forma dunha loita contra da potencia imperialista dominante e debería estar moi claro que dista proposición non se deriva a inesistencia de enemigos internos na loita anticolonial, xa que as colonias non son espacios socialmente homoxéneos. O colonialismo maniféstase tamén na estructura interna dos países dominados e posee aliados internos que actúan a xeito de correas de transmisión do poder colonial. O difícil, en todo caso, é situalos correctamente en cada coxuntura política.

O carácter interclasista da loita anticolonial tampouco significa que o Frente sustitúa ás orgaizacións partidarias; a loita anticolonial non escluie a creación dun movemento obreiro independente. Dun xeito parello, da incapacidade da “burguesía nacional” pra asumir un papel progresivo na loita de liberación non se deduce que ista poda eludirse, como coida, antre outros, o Poulantzas: non ten maior sentido preconizar unha revolución socialista (en abstracto) nun país que carece de soberanía política.

No tratamento do colonialismo xurden problemas pola dificultade ouxetiva de teorizar sobor dunha cuestión que esixe ensablar un asoballamento que se manifesta como de pobo a pobo cos conflictos de clase. Pra afondar nista temática semella imprescindible traballar ca noción de contradición principal, isto é, o antagonismo que, nun intre dado, determina o desenrolo das demáis contradicións presentes nun fenómeno complexo. O concepto maoista de pobo ten en común co concepto populista o feito de que en ámbolos dous casos estamos en presencia dunha noción interclasista. Pero, na concepción de Mao, é pobo o conxunto de clases sociais que nun país e nun intre histórico concreto asumen dun xeito progresivo a contradición principal. Polo demáis, o pobo non é un conglomerado homoxéneo, de maneira que subsisten antre as camadas populares contradicións, que son secundarias nisa etapa. Ista formulación salva a contradición pobo-clase e permite remodelar o concepto de nación dun xeito que supera as limitacións da vella definición de Stalin: cando a loita popular é unha loita antiimperialista o pobo se constitúe en nación; nos países oprimidos a nación é o conxunto de clases sociais que aturan a dominación do capitalismo imperialista, e o “nacionalismo” cambea de sentido. Como ten dito moi ben Terray ao se referir a iste problema: “A nación como forza histórica non coincide ca nación como conxunto ouxetivo”.

Resulta tamén difícil ponderar os aspectos extraeconómicos da dominación colonial. Tampouco é doado interrelacionar istes coa faciana económica do colonialismo e, certamente, non axuda a ultrapasar o problema o feito de que as partes menos desenroladas da teoría do Materialismo Histórico (papel da superestructura nunha formación social, xeito de operar a lei de correspondencia antre a base e a superestructura, etc.) son mesmamente as máis relevantes pra unha teorización do feito nacional. Niste terreo fica moito por facer. E compre facelo axiña sen caer na trampa do economicismo e sen afastar o compoñente económico dos demáis aspectos do colonialismo.

Artigo publicado no libro Do capitalismo colonial, Ramón L. Suevos, Edicións do Cerne, 1980. O libro é unha escolma de artigos que o autor publicou desde 1975 na prensa galega. Respéctase a forma escrita do galego empregada no texto orixinal.

Etiquetas: